Análise do Poema de Curros Enríquez: Defensa de Galicia e Admiración por Rosalía
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,66 KB
Este poema foi escrito por Curros Enríquez no s. XIX. O poeta naceu en Celanova, Ourense. Tivo unha vida marcada por acontecementos significativos: fuxiu a Madrid escapando dun pai autoritario e violento; foi exiliado a Londres por asinar un artigo xornalístico; e marchou a Cuba fuxindo dunha vida complicada, con persecucións políticas, enfrontamentos coa igrexa e a perda da nai e de tres fillos.
Na Habana, fundou unha sociedade que serviría de modelo para a posterior creación da Real Academia Galega na Coruña, presidida por Manuel Murguía. Curros Enríquez foi homenaxeado en vida e acadou numerosos recoñecementos.
Este poema pertence a Aires da miña Terra, unha obra que xerou un grande escándalo ao ser considerada blasfema e herética. Por esta obra, Curros foi procesado e condenado, o que lle outorgou unha gran publicidade e obrigou a realizar varias edicións.
A temática da obra é de tipo intimista. A súa poesía é moi comprometida e didáctica, pois pretendía abrir os ollos da xente a unha realidade inxusta. É comprometida tamén pola súa actitude combativa e rebelde contra as autoridades, chegando a padecer castigos. Por isto, podemos consideralo como o iniciador da poesía de protesta, denunciando o poder do cacique, os abusos do escribán e o carácter retrógrado do clero.
Esta obra, escrita no s. XIX, enmárcase nunha época na que xurdiron dúas ideoloxías políticas: o provincialismo e o rexionalismo. Estas correntes pretendían descentralizar o Estado e recoñecer Galicia como un territorio cunha historia e lingua independentes e propias.
É unha época de crise para Galicia, marcada pola fame, a emigración e as pestes. Pola contra, o resto da península estaba en proceso de reforma do Antigo Réxime, introducindo o capitalismo e o liberalismo grazas á industria. Isto non ocorría en Galicia, onde a maioría da poboación eran campesiños que traballaban para o clero e a aristocracia, sufrindo abusos e pagando impostos elevados. Precisamente por esta situación, habería un levantamento militar que remataría co fusilamento dos mártires de Carral.
O tema central deste poema trata sobre a defensa dos cidadáns de Galicia que se atopan sós na súa loita, e a inxustiza que sofren os seus defensores. Aborda tamén a incomprensión da loita de Rosalía de Castro, é dicir, a loita solitaria e incomprendida de Rosalía e outras figuras coma ela.
As principais ideas que atopamos neste poema son:
- Rosalía, como moitos outros galegos, está soa na súa loita por defender Galicia.
- Coas súas palabras, Curros empatiza con ela e con aqueles que defenden Galicia.
- Manifesta o seu sentimento relixioso, rezando por ela.
Na primeira estrofa, o autor describe unha muller que viu pasar á beira do mar, cantando soa, e por quen rezou. Na segunda estrofa, hai unha alabanza a Rosalía, mencionando a súa morte e o seu enterro.
Este poema consta de dúas estrofas, cada unha con oito versos, sumando un total de dezaseis versos.
A linguaxe, aínda que complexa, resulta conmovedora. A pesar de que o título fai referencia a Rosalía, o poema non a nomea explicitamente, o que suxire que o autor quere reivindicala e expresar a admiración e a mágoa que sente pola súa morte. O poema transmite a forza e a importancia de Rosalía para a época, ata o punto de inspirar a homes que a admiraban e escribían para ela. A visión do autor é íntima e profunda, destacando a defensa dos autores da época e a crítica cara aos seus detractores.