Criterios para a selección da variedade estándar do galego

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,75 KB

Criterios para a selección da variedade estándar

A variedade estándar é unha elaboración artificial e planificada a partir do diasistema dunha lingua, co obxecto de obter un modelo de lingua unitario para o ensino, os usos oficiais e os usos escritos e formais, que á súa vez permita cohesionar política e socialmente o territorio onde é oficial. No caso do galego, os criterios para a selección desta variedade estándar son os seguintes: supradialectalismo, o uso literario, harmonía coas demais linguas romances e a exclusión dos castelanismos.

Supradialectalismo e xeografía lingüística

En primeiro lugar, os estudos científicos realizados para a elaboración do Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa) determinaron a base sobre a que se estableceron os tres bloques e as súas respectivas áreas dialectais, de modo que as opcións tomadas para as formas normativas recollen a base diatópica da lingua no momento histórico actual, preferindo as formas con maior extensión xeográfica e demográfica coa finalidade de que a maior parte da poboación se identifique con elas.

Tradición literaria como autoridade

Outro criterio que tamén se tivo en conta foi a tradición literaria, pois en todas as linguas se utiliza este criterio como elemento ‘de autoridade’ ao referirse a un rexistro elaborado que dá prestixio ao idioma: a riqueza e precisión léxica, a expresividade, combínanse para proporcionar asentamento a unhas formas que teñen un asentamento no uso ao longo do tempo.

Harmonía coas linguas romances e o portugués

Por outra banda, a harmonía coas demais linguas romances ten como elemento importante a proximidade co portugués: xa na época da Xeración Nós isto permitiu que no galego se introducisen cultismos tomados desta lingua como forma de prestixiar o uso do noso idioma, o que favoreceu que o galego chegase a ámbitos como o científico.

Exclusión de castelanismos e recuperación léxica

Por último, a presión que o castelán exerce sobre o galego produce que os falantes só o utilicen en determinados ámbitos ou mesmo que xa non o utilicen. Isto débese a que o castelán é o idioma relacionado co progreso e a cidade, mentres que o galego se asocia co mundo rural e coas clases menos favorecidas. O traballo de recuperación do léxico foi neste sentido moi necesario para eliminar palabras do castelán innecesarias fronte ás galegas e para reducir o uso diglósico do idioma.

Conclusión

En definitiva, os criterios para a selección da variedade estándar combinan varios aspectos científicos, históricos, mesmo sociais, coa intención de asegurar unha norma que permita o asentamento social do idioma e a súa adaptación ao mundo actual.