Descartes: A Existencia de Deus e a Realidade Exterior
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,29 KB
Temos unha verdade absolutamente certa: a existencia do eu como suxeito pensante. Esta existencia non parece implicar a existencia de ningunha outra realidade.
Eu podo pensar que “o mundo existe”, pero podo dubidar da súa existencia (podo estar soñando). O único certo é que eu penso que o mundo existe. Diso, de que o estou pensando, non podo dubidar.
O Problema da Realidade Exterior
O problema que formula Descartes é o de como, a partir desa verdade, se pode estar seguro da existencia dunha realidade.
Do “eu penso” deben extraerse as seguridades básicas sobre as que poder elaborar a ciencia. A primeira desas seguridades é a existencia do mundo. Descartes resolve esta cuestión así:
Contamos con dous elementos:
- O pensamento como actividade (“eu penso”).
- As ideas que pensamos. Os contidos do noso pensamento.
No enunciado “eu penso que o mundo existe” atopamos tres factores:
- O eu que pensa e cuxa existencia é indubidable.
- O mundo como realidade exterior ao pensamento, cuxa existencia é dubidosa.
- As ideas de “eu”, “pensamento”, “mundo” e “existencia”, que non sei se teñen ou non referencia real.
O pensamento pensa sempre “ideas”, pero non podo estar seguro de que esas ideas son certas, pero si de que as teño.
Para a filosofía anterior, o pensamento non recae sobre as ideas, senón que pretende recaer sobre as cousas (se eu penso que o mundo existe, estaría pensando directamente no mundo e non na miña idea de mundo).
Para Descartes, o pensamento non recae directamente sobre as cousas, senón sobre as ideas.
Tipos de Ideas Segundo Descartes
Descartes comeza analizando os tipos de ideas que atopa na súa mente e di que, en canto actos mentais, todas as ideas teñen a mesma realidade, pero en canto ao seu contido, a súa realidade é diversa. Así, distingue tres clases de ideas:
- Ideas adventicias: Aquelas que parecen provir da experiencia externa (luz, cor, árbore…).
- Ideas facticias: As que constrúe a mente a partir doutras ideas (Ex: a idea dun cabalo con ás ou dun novo inxenio mecánico…).
- Ideas innatas: Algunhas ideas que non podemos considerar que nos veñan da realidade externa nin que sexan producidas por nós. Segundo Descartes, estas ideas son innatas. O pensamento posúeas por si mesmo de xeito que non necesitan ser adquiridas nin construídas. As ideas sobre as que arranca o edificio do coñecemento son innatas.
Por exemplo, as ideas de “existencia” e de “pensamento”.
Descartes esfórzase por demostrar que a idea de Deus tampouco é facticia (producida por nós).
A Proba da Existencia de Deus
Unha vez identificada a idea de Deus como innata, Descartes procede do seguinte modo:
- A existencia de Deus é demostrada a partir da idea de Deus.
Usa diversos argumentos tomados da tradición medieval:
- O argumento ontolóxico (San Anselmo).
- Argumento baseado na causalidade.
- A existencia do mundo é demostrada a partir da existencia de Deus.
Posto que Deus existe e é auténtico, non pode permitir que me engane ao crer que o mundo existe; logo, o mundo existe.
Deus aparece así como o garante de que ás miñas ideas corresponde unha realidade extramental.
Descartes, inmerso neste razoamento, di que Deus só garante a existencia dun mundo constituído polas cualidades primarias (extensión e movemento).
A filosofía aristotélica e medieval partían da base de que a estrutura esencial da realidade podía ser coñecida; que o noso coñecemento a tiña porque contabamos con determinadas facultades que nos permitían coñecela.
Para Descartes, non existía tal acceso ao coñecemento da estrutura do real. O que sexa a realidade é algo que construímos sen saír de nós mesmos; dende o eu. Descartes di que esa realidade que construímos na nosa mente se corresponde coa realidade extramental. Pero varía un pouco á hora de facer ciencia, e di que as construcións da nosa mente son hipotéticas e que o único que garante a súa unión coa realidade é o feito de que as conclusións que sacamos delas sexan acordes coa experiencia.