Etapas da Normativización do Galego: Historia e Evolución

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,54 KB

A normativización da lingua galega

Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas fundamentais:

a) Galego popularizante (s. XIX)

Representado por figuras como Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, caracterízase por reproducir na escrita a lingua oral no seu rexistro popular. Desenvólvense os primeiros dicionarios, pero non se constrúe unha norma de uso sistemático na escrita; será Eduardo Pondal o autor que máis consciencia mostre da necesidade de normativizala.

A tarefa de comezar a reproducir na escrita a oralidade sen modelos previos (non coñecían as cantigas medievais) non é doada, e os autores e autoras optan polas solucións ortográficas da lingua na que se formaron: o castelán. O galego desta etapa está ateigado de vulgarismos, castellanismos e dialectalismos.

b) Galego enxebrizante ou diferencialista (1900-1936)

Coas Irmandades da Fala e a Xeración Nós, os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclínanse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán e destaque a identidade propia do galego.

Eliminan castelanismos, moi abundantes na fala, e inclúen en cambio hipergaleguismos, arcaísmos e tamén lusismos. Nesta etapa redáctanse as primeiras normas: Normas para a unificación do idioma galego (1933), publicadas polo Seminario de Estudos Galegos.

c) Galego protoestándar (1936-1980)

A través dos autores vinculados á Editorial Galaxia, medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego nos usos escritos. Caracterízase, sobre todo, pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e circunflexos) e pola corrección de hiperenxebrismos e dos excesos diferencialistas da etapa anterior.

d) Galego estándar (1981 ata a actualidade)

O mellor coñecemento lingüístico, grazas ás investigacións e estudos universitarios, axuda a atopar solucións máis estudadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores.

En 1982, a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aproban as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, revisadas en 1995 e levemente reformadas en 2003. Este é o descritivo da norma culta oficial vixente na actualidade.