A Ilustración en España e Galicia: Historia e Impacto
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,74 KB
A Ilustración en España e o Século das Luces
O século XVIII foi o século das luces, da Ilustración, en Europa. En España, os ilustrados foron unha minoría formada por membros da burguesía e algúns membros do clero e da pequena nobreza. A súa maior preocupación foi o progreso da nación. Esta preocupación levounos á crítica da tradición imperante e a propoñer unha serie de medidas reformistas que favorecerían o crecemento económico do reino e dos seus habitantes. Os ilustrados crían que os homes, conducidos pola súa intelixencia, poderían conseguir o coñecemento, que era para eles a base da felicidade.
Someteron a crítica os principios da sociedade estamental, negando a transmisión hereditaria de calquera privilexio e afirmando a igualdade e o dereito á liberdade de todos os homes. Criticaron tamén a organización económica, a falta de liberdade para comprar, vender, establecerse ou progresar, e defenderon un modelo que garantise a propiedade e a liberdade de comercio e de industria. Tamén, sen negar a existencia de Deus, opuxéronse ao dominio ideolóxico da Igrexa, aos seus privilexios e á visión inmobilista transmitida polo clero.
Por último, enfrontáronse ao absolutismo monárquico, defendendo a necesidade dun contrato entre gobernantes e gobernados que garantise os dereitos básicos do individuo. Montesquieu defendeu a separación de poderes (lexislativo, executivo e xudicial) e Rousseau propuxo o principio de soberanía nacional, dicindo que o poder emana do libre consentimento dos cidadáns, expresado mediante o voto.
A Ilustración en Galicia: Características e Autores
Ao longo do século XVIII tamén xurdiron en Galicia iniciativas ilustradas. Entre as súas características destacan:
- A moderación das súas propostas.
- A crítica dos abusos dos privilexiados e da miseria do campesiñado.
- O avance da economía como principal aspiración.
- A defensa das particularidades de Galicia, tanto desde o punto de vista xeográfico como cultural.
A maior parte dos ilustrados galegos foron eclesiásticos (Feixoo, Sarmiento...) ou fidalgos (Cornide) e nunca puxeron en dúbida os principios básicos do sistema vixente. O impacto da Ilustración, como no resto de España, foi moi limitado pola oposición dos privilexiados, e a súa influencia foi máis importante como base teórica do liberalismo.