A República de Weimar e a Ascensión do Nazismo de Hitler
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,81 KB
A Débil República de Weimar: Orixe e Oposición
O Nacemento da República (1918-1919)
Tras a derrota de Alemaña na Primeira Guerra Mundial, formouse un Goberno provisional que tivo que facer fronte á revolta espartaquista, liderada por Karl Liebknecht e Rosa Luxemburgo.
Nesta revolución tratouse de impoñer un réxime comunista en Alemaña en 1919, pero fracasou. Pouco despois, celebráronse eleccións para unha Asemblea Constituínte. Esta asemblea aprobou en 1919 na cidade de Weimar unha Constitución pola que Alemaña se convertía nunha república democrática. O Partido Socialdemócrata tiña maioría no Parlamento alemán e controlaba o Goberno.
A Oposición ao Réxime Democrático
Desde o principio, a nova democracia contou coa oposición dos grupos políticos extremistas. A extrema esquerda pensaba que o réxime era moi moderado e os grupos máis conservadores opinaban que o novo réxime traizoara a Alemaña ao aceptar o Tratado de Versalles.
Adolf Hitler e a Ascensión do Partido Nazi (NSDAP)
Orixe e Estrutura do Partido Nazi
En 1919, Adolf Hitler afiliouse ao DAP, un partido alemán que despois se converteu no Partido Nacionalsocialista dos Traballadores Alemáns (NSDAP).
Hitler remodelou o partido e creou un corpo paramilitar, as Seccións de Asalto ou SA, para manter a orde nos actos do partido.
O Putsch de Múnic e o Ideolóxico Nazi
En 1923, Hitler, líder xa do partido nazi, deu un golpe de Estado (o Putsch de Múnic), que fracasou. Foi encarcerado, e en prisión escribiu A miña loita (Mein Kampf), a obra en que plasmou os principios básicos do nazismo.
Trazos do Fascismo Adoptados polo Nazismo
Este ideario recollía moitos trazos do fascismo:
- Rexeitamento da democracia.
- Culto ao xefe (o führer).
- Primacía do Estado.
- Exaltación da violencia, da guerra e da mocidade.
- Importancia dos símbolos e desfiles.
Trazos Ideolóxicos Propios do Nazismo
Pero tamén tiña trazos propios:
- O Racismo: Tivo a súa principal manifestación no odio aos xudeus (antisemitismo), aos que se acusaba de ser os causantes dos males de Alemaña.
- A Defensa da Superioridade da Raza Aria: Segundo Hitler, os alemáns pertencían a esta raza, que debía impoñerse aos que consideraba «pobos inferiores», como os latinos, os eslavos e, sobre todo, os xudeus.
- A Teoría do Espazo Vital (Lebensraum): Defendía que os arios podían conquistar territorios doutros países para que os ocupase a poboación alemá.