O teatro galego: da posguerra á Xeración Abrente
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,52 KB
Houbo unha penuria editorial nestes anos, pois só se publicaron tres obras dramáticas orixinais en galego, xa que tiñan que ser aprobadas polo control do franquismo editorial. É a Editorial Galaxia a que impulsa o proceso de recuperación da literatura dramática con O desengano do priorio (Otero Pedrayo) e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (Álvaro Cunqueiro), obra que é de mención especial pola riqueza da linguaxe dramática, a reflexión do autor sobre a identidade e a existencia humana (debido ao personaxe de Hamlet) e as técnicas que introducen a obra no teatro do absurdo.
No teatro dos anos 50 temos a Manuel María, autor dun amplo número de obras de diferente tipo que entendía o teatro como instrumento de educación e que, ao final dos 60, crea un teatro popular reivindicativo e propagandístico: Auto do taberneiro, Auto do labrego e Auto do mariñeiro.
Outros autores desta época son Franco Grande (Vieiro choído), Arcadio López Casanova (Orestes) ou Xohana Torres, onde as figuras femininas asumen un papel decisivo na defensa da terra (Un hotel de primeira sobre o río).
Por outro lado, temos o teatro independente a partir do 65, que son aqueles grupos que desenvolven un teatro moderado, crítico e comprometido. En 1973 aparece a primeira mostra e o primeiro certame Abrente de teatro galego, no que se intercambiarán ideas.
Nesta Xeración de Abrente, os autores buscaban converter o traballo en profesión e non só en diversión. Caracterizáronse por:
- Crear un teatro de calidade actual comprometido coa realidade política e social do país.
- Explorar novas formas estéticas.
- Conseguir a normalización lingüística no ambiente teatral.
- Servirlles de guía ás xeracións posteriores.
Os representantes máis importantes son:
- Manuel Lourenzo: creador de grupos como O Facho ou Teatro Circo, coa súa obra clasificada en distintos ciclos (por exemplo: mítico, teatro por dentro, experimental…).
- Euloxio Rodríguez Ruibal.
- Roberto Vidal Bolaño: cunha estética moi innovadora en obras como Ledaíñas pola morte do meco.