As Vangardas na Poesía Galega: Imaxinismo e Neotrobadorismo
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,72 KB
O Tempo das Vangardas: Contexto e Ruptura Cultural
Co comezo do século XX, aparecen por toda Europa grupos de artistas novos que rexeitan as súas tradicións culturais, por consideralas caducas e incapaces de expresar as novas realidades culturais e científicas. A situación política e os cambios sociais favorecen a aparición destes movementos, que pretenden reflectir as formas da vida moderna, moitas veces en aberta ruptura con todo o anterior.
Principais Movementos de Vangarda
Os principais movementos de vangarda son:
- O Futurismo
- O Cubismo
- O Dadaísmo
- O Surrealismo
Estes movementos difundían as súas ideas a través de manifestos de carácter provocador.
A Renovación Poética de Galicia
A influencia das vangardas europeas manifestouse en Galicia a través de varias correntes e figuras clave:
1. O Imaxinismo
Ten no poeta Luís Amado Carballo a súa figura principal. Este autor, que finou cando só tiña 26 anos, deixounos dous libros de poemas, Proel e O galo, ademais da novela Os pobres de deus e outros relatos. A súa é unha poesía onde atopamos unha paisaxe humanizada, con innovadoras imaxes de carácter sensorial, nas que se aprecia a influencia vangardista.
2. O Neotrobadorismo
Recupera as estruturas formais da lírica medieval e mesmo algúns dos seus temas, pero dende unha sensibilidade contemporánea. Esta corrente é consecuencia do impacto que causou nos poetas novos o coñecemento das cantigas medievais de amigo e amor, editadas uns anos antes.
3. O Vangardismo Puro
Está representado polos poetas que asumiron propostas directas dos movementos de vangarda. É o caso de Álvaro Cunqueiro, con libros como Mar ao norde, unha poesía achegada ao cubismo no seu carácter abstracto, e Poemas do si e non, onde a influencia surrealista se manifesta na expresión do subconsciente e no emprego da imaxe onírica.
Figuras Destacadas da Xeración de 1922
Manuel Antonio (1900-1930)
Naceu en Rianxo, en 1900. Dende moi novo estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala. Durante os seus anos mozos mantivo contacto cos homes do Grupo Nós, así como cos compañeiros da súa xeración: Rafael Dieste, Álvaro Cebreiro, etc. En 1919 comeza os estudos de Náutica en Vigo.
Rafael Dieste (1899-1981)
Naceu en Rianxo en 1899 e finou en Santiago en 1981, despois de pasar moitos anos exiliado en México e Bos Aires. Autor de obras narrativas, teatro e ensaio, é o principal prosista da Xeración de 1922.